Pepe Vaamonde, gaiteiro, frautista e compositor

Pepe Vaamonde Manteiga é un gaiteiro, frautista e compositor galego. Nado en Lugo o 16 de xullo de 1971, estudou no conservatorio “Mayeusis” da cidade de Vigo e leva dende 1994 traballando coa Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros e dende 2001 imparte clases no centro música Fingoi, en Lugo.

Despois de varios anos de exitosa carreira en solitario, chegando a gañar tres veces o prestixioso `Constantino Bellón´, no ano 2001 funda a banda `Pepe Vaamonde Grupo´, cuxo traballo se basea en creacións propias e nunha persoal visión da nosa música, sempre en directo.

Nel, acompáñano Xisco, fundador da agrupación O Fiadeiro, que pon a voz; Pipo Alvariño á guitarra; Jesús Vidal, presidente da Asociación de Músicas Pontevedra Ferve, ao baixo; Miguel Anxo López `Chino´, talentoso percusionista, ao tambor, pandeireta, pandeiro e batería; e Miryam González, acordeonista dende os sete anos e profesora no Conservatorio Superior de Barcelona.

De esquerda a dereita: Chino, Pipo Alvariño, Xisco, Myriam Gonzáles e Jesús Vidal. Faro de Vigo

Froito do talento destes seis grandes músicos, naceron catro traballos musicais: Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2009) e Nas pedras do Lar (2015). Este último traballo foi gravado nos PKO Studios en Madrid, e conta coa colaboración de Brais Monxardín (piano), Germán Días (zanfona) e Pablo Dalama (saxo). Componse de 14 pezas musicais, moi heteroxéneas entre si, como a Mazurca de Sequeiros ou Danza do lume, ademais, vén ser o elemento natural que faltaba na súa discografía despois da auga, o vento e a terra; o lume.

Danza do lume (2016)

Sen dúbida, un dos logros máis relevantes da súa traxectoria foi a co-invención do Punteiro Afinábel xunto ao luthier Lis Latas. Este invento veu resolver o constante problema de afinación da gaita, que precisa unhas temperaturas que oscilen entre os 15 e os 23 graos como máximo. Este avance está mesmo considerado un adianto tecnolóxico con importante repercusión internacional.

As orixes deste proxecto non foron resultado dun plan artellado dende hai tempo, senón que chegaron por casualidade, cando Lis estaba traballando nun punteiro que lle caeu ao chan e rompeu. A súa sorpresa foi que ao facerlle un encastre para unilo de novo, soaba.

Con este importante avance para nosa gaita, foi posíbel tocar dúas notas máis no rexistro de gravidade e acadar unha versatilidade que permitiu interpretar pezas clásicas, concibidas para violíns ou cellos, coma unha aria de Bach.

Pepe Vaamonde desfilando en Lorient. Le Festival

Unha das últimas intervencións de Pepe Vaamonde no panorama internacional, foi a participación no Festival Interceltique de Lorient (Bretaña) en Agosto de 2018, da man da banda de gaitas Sons da Chaira, procedente da Terra Chá (Lugo). Alí non só tocou con esta agrupación, senón que tamén impartiu varios obradoiros e exerceu de xurado nun certame.

Esta edición do festival foi especialmente relevante para Galicia, xa que a súa delegación decidiu prohibir a participación de bandas de gaitas marciais, unha decisión que gaiteiros coma Pepe Vaamonde levaban tempo agardando e á que non se sumou Asturias.

Na actualidade, Vaamonde atópase traballando en novas pezas para Sons da Chaira, que ambicionan con participar noutros festivais, tanto a nivel nacional coma internacional.

Os Ancares. Abandono do rural en imaxes

Casimiro, veciño de Orbán. Nerea Magide

A serra dos Ancares atópase no este da provincia de Lugo, na fronteira de Castela e León e Asturias.

Componse de máis de 50.000 hectáreas de profundos vales e cumios que chegan aos 2.000 metros de altitude. Nos meses de inverno, as súas paisaxes tínguense de branco e moitas delas vólvense practicamente inaccesíbeis.

Hai 50 anos, a vida era realmente difícil neste lugar. Paseniño, moitos dos seus habitantes decidiron deixar os seus fogares na procura dun futuro mellor na cidade.

ALDEA DE ORBÁN (CERVANTES)

Casimiro, conta que a aldea leva máis de 15 anos baleira, cando os 3 veciños que alí vivían decidiron trasladarse a Becerreá (capital da Comarca e concello máis poboado) ou a cidades coma Barcelona. Orbán mesmo xa non ten letreiro que o identifique e do que foi, só quedan ruinas.

Casa abandonada en Orbán. Nerea Magide
Restos dun vello balado. Nerea Magide

Quedan pegadas das vidas que alí se desenvolveron durante décadas, coma estes signos, xa indescifrábeis.

Gravados nunha vella trabe. Nerea Magide

Letreiro ao pé da estrada. Nerea Magide

ALDEA DE CABANA (CERVANTES)

Aínda identificada, Cabana leva baleira un par de anos.  Os seus derradeiros habitantes marcharon pola súa avanzada idade, que comezaba a limitalos. Un deles foi Manuel Saavedra, que faleceu con 104 anos hai escasas semanas.


Casa en Cabana. Nerea Magide

Esta casa era coñecida por Manuel como “A casa do cuarto”. Manuel contaba como ,nos anos da Guerra, un tío seu que vivía alí atopou a un mozo asturiano quentándose xunto á porta, e como lle deu unha malleira.
Tempo despois, tres homes apareceron da montaña; un quedou fora da casa, ameazando a todos cunha pistola; os outros dous, levaron ao seu tío á cama e pegáronlle dous tiros. “Os asturianos para esto sonche de carallo” dicía el.

Casa abandonada en Cabana. Nerea Magide

Como alternativa ao abandono, casas coma as das imaxes están a ser compradas por estranxeiros, coa intención de restauralas e convertelas en vivenda ocasional. O rural poderá encherse de novo, pero quedará baleiro da idiosincrasia galega que o deu.

Florencio, `O cego dos Vilares´

Florencio López Álvaro, coñecido como ´O cego dos Vilares´ou simplemente `O cego Florencio´, naceu en 1914 na pequena vila de Pin, na Fonsagrada. Cando era só un neno, a varíola quitoulle a vista.

Florencio López, o ‘cego dos Vilares’ © universidade de vigo

Naquel momento, aínda era frecuente en toda Europa que as persoas cegas viviran da música, empregando habitualmente zanfonas, violíns ou outros instrumentos de corda pulsada. Adoitaba ir con eles un guía, moitas veces un neno, que tamén os acompañaba musicalmente cun tambor.

O violín foi precisamente o instrumento de Florencio e o seu mestre, outro invidente, Xoán Santamarta, co que marchou ós Virales de Cubiledo con 14 anos. Alí, adestrou a capacidade para aprender melodías de ouvido e aprendeu o arte de violinista e cantador.

Aos 54 anos voltou á Fonsagrada natal, onde morreu en 1986. Foi moi querido en vida, e aínda hoxe as xentes fonsagradinas o recordan coma unha persoa boa e encantadora.

A tecnoloxía da época xa permitiu que se conserven varias gravacións dalgúns dos seus temas, como “A filla de Bartolo” ou a “Muiñeira de Florencio” e mesmo chegou a facer un disco en 1981.

“A filla de Bartolo” gravado por José Días Pin, no Courel a comezos dos 80

En 2012, A Central Folque (centro de música popular) deu comezo ao `Proxecto Florencio´, unha iniciativa pedagóxica para poñer en valor e dar a coñecer o repertorio e os instrumentos por excelencia dos cantores cegos. Para isto o zanfonista Germán Díaz reclutou a 14 músicos galegos e percorreu a Fonsagrada en busca de testemuños sobre a vida do cego, coa intención de levar aos escenarios parte do seu repertorio.

Os músicos do Proxecto Florencio. A Central Folque

Así mesmo, en 2014, cando se cumpriu un século da súa morte, Antón Santamarina e Ramon Pinheiro Almuinha uníronse para estudar en profundidade a figura de Florencio dos Vilares, tan importante na tradición oral da música galega. Froito do seu traballo naceu o libro-cd Florencio, cego dos Vilares. Este cd é unha recolla das gravacións que Santamarina e a musicóloga suíza Dorothé Schubarth lle fixeron a Florencio entre 1979 e 1981.

Libro-cd Florencio, cego dos Vilares

Schubarth é a principal estudosa de Florencio e, xunto a ela, colaboraron outros estudosos estranxeiros coma o húngaro András Vavrinecz, especialista en violín tradicional europeo.

Así, este libro quixo dar a coñecer unha figura cuxa existencia, por desgraza, é ignorada por gran parte do público galego. Unha bonita homenaxe para unha personaxe tan interesante, importante e esquecida.