Os Ancares. Abandono do rural en imaxes

Casimiro, veciño de Orbán. Nerea Magide

A serra dos Ancares atópase no este da provincia de Lugo, na fronteira de Castela e León e Asturias.

Componse de máis de 50.000 hectáreas de profundos vales e cumios que chegan aos 2.000 metros de altitude. Nos meses de inverno, as súas paisaxes tínguense de branco e moitas delas vólvense practicamente inaccesíbeis.

Hai 50 anos, a vida era realmente difícil neste lugar. Paseniño, moitos dos seus habitantes decidiron deixar os seus fogares na procura dun futuro mellor na cidade.

ALDEA DE ORBÁN (CERVANTES)

Casimiro, conta que a aldea leva máis de 15 anos baleira, cando os 3 veciños que alí vivían decidiron trasladarse a Becerreá (capital da Comarca e concello máis poboado) ou a cidades coma Barcelona. Orbán mesmo xa non ten letreiro que o identifique e do que foi, só quedan ruinas.

Casa abandonada en Orbán. Nerea Magide
Restos dun vello balado. Nerea Magide

Quedan pegadas das vidas que alí se desenvolveron durante décadas, coma estes signos, xa indescifrábeis.

Gravados nunha vella trabe. Nerea Magide

Letreiro ao pé da estrada. Nerea Magide

ALDEA DE CABANA (CERVANTES)

Aínda identificada, Cabana leva baleira un par de anos.  Os seus derradeiros habitantes marcharon pola súa avanzada idade, que comezaba a limitalos. Un deles foi Manuel Saavedra, que faleceu con 104 anos hai escasas semanas.


Casa en Cabana. Nerea Magide

Esta casa era coñecida por Manuel como “A casa do cuarto”. Manuel contaba como ,nos anos da Guerra, un tío seu que vivía alí atopou a un mozo asturiano quentándose xunto á porta, e como lle deu unha malleira.
Tempo despois, tres homes apareceron da montaña; un quedou fora da casa, ameazando a todos cunha pistola; os outros dous, levaron ao seu tío á cama e pegáronlle dous tiros. “Os asturianos para esto sonche de carallo” dicía el.

Casa abandonada en Cabana. Nerea Magide

Como alternativa ao abandono, casas coma as das imaxes están a ser compradas por estranxeiros, coa intención de restauralas e convertelas en vivenda ocasional. O rural poderá encherse de novo, pero quedará baleiro da idiosincrasia galega que o deu.

Deixar un comentario