Manuel Saavedra, centenario: “Era barguelo redondo”

Manuel no seu derradeiro aniversario

Cando naceu a Gran Guerra acababa de comezar e en España reinaba Alfonso XIII. Virían despois unha república, unha guerra civil, unha guerra mundial, unha ditadura e a volta da democracia cun novo rei.Manuel Saavedra Fernández naceu hai 104 anos en Cabana, un pequeno pobo da montaña de Lugo. Hoxe vive coa súa filla Margarita e coa súa muller Inés nunha casiña ó pé da estrada nas aforas da cidade lucense.


A min recíbeme nun típico día de Novembro; chuvioso e frío. Cando chego o sol xa comeza a poñerse e Manuel estame agardando na cociña, xunto ao lume e vendo a televisión.
As últimas semanas estivo algo decaído, explícame a súa filla, pero mirándoo ninguén diría que ten máis dun século ás súas costas; trátese dun home pequeno, cun ollar vivo e pícaro, herdanza do que debeu ser unha boa peza de mozo.


Está moi falador e pasa varios minutos conversando con meu pai sobre eses pobos que tan ben coñecía de novo e que agora se atopan case baleiros. Comezo preguntándolle pola súa infancia e sorrí como se fora recordar unha época feliz

Que facía de pequeno? Traballaba? De pequeno andaba coa Facenda e coas cabras. Tería 5 ou 6 anos cando miña nai buscou unha tía da miña muller que me levaba canda ela mentres eu ía aprendendo porque era moi pequeno para andar só.
Tiñamos tamén 4 ou 5 vacas que as atendía o tío Miro.


E o resto do tempo que tiña, podía xogar algo? Algo sempre buscabamos co que entreternos. Recordo especialmente unha vez con meu primo, escapando os dous de súa irmá que empezou a cantos (pedras) a nós. Era mala e cando nos xuntabamos os dous víaa o demo.


Tiñan algún xoguete ? As carroulas por exemplo. Non. O que nos fixeron foi un carro con rodas co que iamos pola estrada. Tamén acordo en Navia a primeira bicicleta, tería eu 18 anos.Os veciños pedíanlla prestada ao dono para ir a Becerreá.


E de onde viña a súa familia? Os pais da mamá quedaron ata velliños e morreron na nosa casa, pero meu pai e seu irmán quedaron moi noviños sen eles e tiveron que ir para Penamil.
E recorda que lles pasara? Non sei como lle chamaban a aquilo…. Tuberculose? Non, era outro mal. Pulmonía? Si, iso foi. Ían ao monte coas vacas, chovendo e sen ter con que cubrirse. Estaban coa auga no lombo e claro…


Nun pobo da montaña coma Cabana, como vivía a xente?
Sabes como facían cando aínda non había ponte? Cónteme
Os veciños tiraban nabo por nabo dun lado ó outro Pois xa lle podían dar con forza, que o Navia é ancho. E despois?
Había unha ponte de pao que facía así (fai xestos de lado a lado). Os que traballaban as fincas levaban o abono no carro, descargábano e pasaban con el ao lombo para o outro lado, que tiñan ao barbeito para botar patacas. Cando as recollían tiñan que pasar con elas no carro polo medio do río. Sempre no verán porque no inverno non se daba.


E falando do río, daquela andarían tamén ás troitas ou ? Meu pai, deus o perdoe, e todos os daqueles pobos eran analfabetos. Non valían para nada. El tiña unha rede e enredaba con ela. Botábaa no río e saían a 200 ou 300 troitas, unha burrada delas (rise).
Logo na casa troitas aínda comían. Nin unha..Iamos botar a auga ó prado e alí quedaban bailando, porque miña nai se as traiamos á casa había “madera”. A pobre non tiña aceite e sen el non sabía darlles xeito.Cando as cocía na pota comiamolas que “válgame dios”. Pasar fame era o que había, máis que fame.
Antes díxome que tiñan vacas.Tomarían leite. Si, leite si. Comiamolo con cachelos ou con castañas que había bastantes. Había quen collía unha burrada delas e hoxe están tiradas no chan.
E alí tamén habería viño ou? Meu pai aínda plantou unha viña grandeta en Cabana, dende o río ata a estrada.

“Aprendín dos xitanos
a facer cestos”


E cando era xa mozo. Que afeccións tiña? Dinme por aquí que era cesteiro.
Cestos fixen uns poucos, iso si que me gustaba. Facíaos de rebolo. Aprendín dos xitanos que viñan acampar por alí e despois de facer as cestas andaban polas casas ofrencéndollas ás amas para que lles deran algo de comer. Recordo que os rapazolos andaban descalzos e as miñas fillas querían imitarlles. Descalzáronse, pero axiña se calzaron! (rise). As nenas andábanos vixiando para que non foran ós repolos do veciño Pedro.

Letreido de Cabana, hoxe baleira


E ía algo á caza? Eu non. Ían meus irmáns Firme e Vicente. Cazaban xabarís e raposas que viñan comer as pitas, e despois ían polas portas co pelexo da raposa pedindo cartos
Por alí lobos debía de haber. Si, tiñamos un veciño que de vez en cando perdía algún cabrito.

E como gardaban os rabaños? tiñan en cada casa un can que ía polo monte diante das cabras mirando se estaba por alí o lobo. Pero aquel si que era can; poñíanse os rapaces a cabalo del e levábaos.

“Era guapo e ben feito”


E gustábanlle as festas? Había algunha festa que outra. E tamén iamos canda as mozas á fonte. E había rúas tamén? Porque na Terra Chá levábanse as rúas.

Si. En Cabana xuntabamonos na Casa do Cuarto. Daquela habíache moita xente nova porque en cada casa eramos 9 ou 10. A Gaita era a música que máis había; a gaita, o tambor e o bombo. E por aquí por Lugo? Que música había por aquí? Máis ou menos. Na casa de meu pai había taberna e contan meus avós que viña xente que tocaba a pandeireta e algún tocaba a gaita tamén.


E vostede tivo moitas mozas? (Colle da man a meu pai moi serio) Ti tiveches moitas? (Fala meu pai) “Moitas non, pero oin dicir que en Cabana había un rapaz que as tiña a pilas”
Home, parece mentira! Ti es bo mozo, logo é que non saíches listo! Se non che gustaban as rapaciñas non eras listo! A min tanto me gustaban que as quería todas. Era barguelo redondo.


E logo tantas tivo?
Miñas pobres…paréceme que xa morrerían todas. Tiven en Cerredo unha das que máis me quería, que moito peleou porque fora a Quindous á feira e non me deu levado. Deume en querer tanto que eu non lle tiven a culpa. Se fora feo non me quería, pero era guapo e ben feito.
Entón os outros mozos rabiarian, ou?
Mira se me querían mal, que ao chegar eu os “rapazois” mandábanlle marchar ó gaiteiro e acabábase a festa. Cando chegaba eu as mozas andaban todas comigo e levábaos o demo.


A súa muller Inés foi unha desas mozas ou como a coñeceu?
Veu ela buscarme, “granuja” ! (rise) E como se xuntaron? Porque daquela entre Cabana e Villaiz había un pedazo.
A nai da miña muller era da Casa de Baixo e Inés viña coser a un taller que había ao pé da estrada.
(Fala Inés) E cando se casou miña nai que fixeches? Tería eu 10 anos e quixen ir canda ela, mira que sentido tiña . Miña nai tivo que agarrarme e levarme dalí. E como quixen ir con ela tívomo en conta e deume a filla. Ademais, Inés viña de boa gana porque tiña toda a familia en Cabana. Senón igual non me quería! (rise)
Cando casaron? Tiña eu 30 anos. Casamos na Igrexa de Villaiz porque a miña muller era de alí. Daquela aló as mulleres no podían ir ás vodas, por eso miñas irmás non viñeron, unha burrada coma outra! Fixemos tamén no lugar a comida e despois marchamos para Cabana. Ao final entre a revoda e todo botamos unha semana.

“Alí mesmo na cama
lle pegaron dous tiros”


E teño entendido que vostede foi á Guerra. Acórdase de cando estoupou?
Eu aínda non fora á mili e tocoume ir daquela. Tiña os meus anos xa, pero tamén foron rapaces de 18 anos que marchaban chorando. As nais daquela sufriron abondo.
E onde o enviaron? Estiven en Zaragoza case sempre, nun parque de bombas. O que facía eu era nada máis descargar os “camiois” e volver a cargar. Non estiven na fronte, pero un irmán meu si e el tampouco morreu na Guerra. Alí fixen amigos tamén, teño un na Coruña e outro na Fonsagrada.


E morreulle algún amigo ou coñecido na Guerra? Morreu un “vecín” da Casa do Cuarto. Na Casa de Baixo eran todos máis vellos e xa non foro á Guerra
Alí na montaña fusilaron xente? Mataron ó primo da Carretera. Mal non lle estivo porque era algo salvaxe; un día cando chegou á casa estaba un rapaz facendo lume alí, porque había unha nevarada e el que era algo bravo sacou de cinto e empezou a cintonazos a el, que tivo que escapar polo monte arriba.
E que lle pasou ó primo?
Gardáronlla. Os asturianos para iso son de carallo. Un día viñeron tres; dous engancharon ao primo e levárono para onde a cama mentres outro quedaba na estrada,“todos cuerpo a tierra ahí!” nos dixo. E alí mesmo na cama lle pegaron dous tiros, mentres a muller e o fillo ,que era pequeno, berraban.
A vida con Franco como era? Con el non había bromas. Unha vez un Xeneral quixo dar un ataque no que morreron ben soldados. Dous irmáns que eran algo familiares meus morreron alí. O ataque deuno, pero despois Franco púxoo alí contra a parede e fusilouno. Saíulle mal a tocata.


“Pega Franco con eles
e pasan todos ó Moro”


E vostede sabe que van desenterrar a Franco?
E onde o queren levar logo? (rise moito) E quen o quere? Eu non estaba, pero unha vez Franco foi pola trincheira onde estaban os militares e díxolles “ que vos dean de calzar, home. Estades descalzos case. Pedide, pedide que vos dean” Vestiríase de soldado, que sei eu, e foi pola trincheira mirando como estabamos.


Imos falar un pouco dos tempos de agora. Ve algo os telexornais?
Non, nunca os vin. Entón non saberá que os cataláns queren ser independentes.
Pois que marchen. E logo para onde queren ir? Tan mal se encontran? Ou queren facer coma os fillos cando se van da casa pero queren que os pais os sigan mantendo?

E a xente nova que lle parece? Viven ben mellor ca nós. E o matrimonio homosexual? Boh (rise). Iso paréceme mal. Pega Franco con eles e pasan todos ó Moro. Non quedaba un.


Gustaríalle volver a Cabana? Mellor estou aquí, que aquí está todo preparado. En Cabana chegamos alí e non hai que comer (rise)


Ó rematar esta entrevista Manuel segue a falar durante varios minutos sobre coñecidos e vellos amigos ós que lle gustaría poder visitar un día destes. Moitos deles morreron hai moito tempo. Xa o di el: “É que eu duro moito”.

Manuel Saavedra Fernández finou o 10 de Abril de 2019, pouco tempo despois de realizar esta entrevista. A el e a toda a súa familia, grazas pola atención e por permitirme, como persoa e como xornalista, achegarme a este valioso testimonio. Descansa en paz.