Mario, estudante: “Atopei unha pipa de crack no armario”

Para un estudante, alugar un piso en condicións decentes en Santiago semella ser máis difícil que atopar onde aparcar nas festas do Apóstolo.

 Dos máis de 20.000 alumnos que ten aproximadamente a Universidade de Santiago, só unha pequena parte reside na área mentres que a gran maioría ten que buscar un piso no que vivir durante o curso, e a dificultade para atopalo é cada vez maior; a demanda está en aumento e a oferta non se amplía. Moitos pisos atópanse en mans dun único propietario que rexeita reformalos, coa intención de obter o máximo beneficio co mínimo custo.
O prezo medio da vivenda de aluguer en Santiago de Compostela é de 747 € mensuais (Setembro 2018, enalquiler.com) , o que supón un aumento do 2,54% respecto do mes anterior. Esta é a continuación dun incremento que se vén producindo dende hai meses.  Se ben é certo que Santiago non é unha cidade cara para vivir, o prezo destes alugueres moitas veces non vai da man das condicións propias dunha vivenda digna; dereito básico recollido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos e pola Constitución Española (art. 47). 

Mario, estudante de Pedagoxía: “no mes de  Xullo, cando acabas de entrar na carreira, queres atopar un piso canto antes. Colles o primeiro que che guste, que estea céntrico e que entre dentro dos 650€ que é a media por aquí. Se queres un piso bo de verdade, teste que subir moitísimo, uns 850€.”

Os pisos turísticos son outro dos responsables do incremento dos alugueres

Ao respecto da súa experiencia na búsqueda de piso comenta que “é moi difícil buscar piso con tempo, aínda que mires en Maio, a maioría non aparecen, porque seguen estando alugados, os inquilinos non saben se van marchar e as inmobiliarias non teñen pisos que ensinar..De feito,recordo un piso que en época de exames estaba todo sen limpar e os inquilinos por alí. A señora dicía “si..bueno, as habitacións cando veñades van estar máis limpas” Normal. E iso bótate moito para atrás.”


Outro dos problemas que os estudantes comentan máis frecuentemente é o da suciedade e o estado do mobiliario ou os electrodomésticos. O piso de Mario “practicamente caía a cachos. As cadeiras estaban rotas e estaba cheo de cousas dos inquilinos anteriores: videoxogos, tabaco e ata atopei unha pipa de crack no armario.Parece que a inmobiliaria ou os propietarios deixaron o piso tal e como estaba cando marcharon os estudantes. Pero os principais problema para min foron que durante catro meses estivemos sen un dos baños e que aínda non nos devolveron os 600 € de fianza.”

Praza Roxa, un dos lugares preferidos polos estudantes para vivir

Borja, estudante de Xornalismo: “a actitude dos caseiros, en xeral, é problemática. O ano pasado tivemos unha goteira no teito durante un par de meses ou máis, e no primeiro piso que collín en Santiago a final de curso a caseira debeu de falar cun amigo para facer uns arranxos e descontounos da fianza máis do que custaran.”

EL ZULISTA

El Zulista é unha conta de Twitter que recompila algúns dos anuncios do coñecido portal inmobiliario “El Idealista”. O seu obxectivo é denunciar a través do humor as condicións dos inmobles, aos que chaman zulos, así coma os alugueres desorbitados. Céntrase especialmente en cidades como Madrid ou Barcelona, onde se poden atopar  pisos onde cociña e baño comparten espazo, camas enriba da ducha e ata habitacións sen ventá. A pesares de ser unha conta parodia é un reflexo das condicións nas que se atopa o mercado da vivenda en España, onde a necesidade de atopar un teito baixo o que vivir se converte nun pretexto para enriquecerse.

Un ejemplo de tuit de @elzulista

A nivel galego, a conta de instagram @queridocaseiro dá voz e serve como medio de denuncia a dúcias de estudantes que viviron experiencias problemáticas e, mesmo surrealistas, cos seus caseiros.

Deixar un comentario